Climatización

A climatización consiste en acondicionar o aire a uns niveis de temperatura, humidade e calidade adecuados para o benestar das persoas segundo a época do ano, isto é, calefacción en inverno e refrixeración no verán. Para este fin, unha oficina “tipo” pode investir máis do 50% do consumo enerxético total do edificio.

Consellos prácticos para aforrar enerxía e diñeiro

  1. Utiliza as fiestras de forma intelixente. Por exemplo: se lles dá o sol, aproveita a súa calor en inverno, e baixa os toldos ou persianas en verán.
  2. Emprega o arrefriamento gratuíto: abre as fiestras durante a noite e as primeiras horas da mañá. Asegurarás a calidade do aire, unha boa ventilación natural e, á súa vez, aforrarás diñeiro e enerxía.
  3. Evita temperaturas superiores ao necesario e o gasto superfluo de enerxía que xeran. Os edificios públicos e centros de traballo deben axustar a calefacción a 19º en inverno e o aire a 27º no verán.
  4. Apaga os aparatos eléctricos que non se estean utilizando (lámpadas, fotocopiadoras, impresoras, ordenadores, etc.). Ademais do seu consumo, estes aparatos xeran calor nas oficinas.
  5. Mantén pechadas as portas e fiestras ao exterior cando funcionen os sistemas de climatización, e implica e conciencia aos teus compañeiros.
  6. Se o teu edificio posúe radiadores ou ffan-coils (reixas de aire), non os cubras nin tapes con obxectos que impidan a difusión do aire, e usa o termóstato. E apágaos se es o último en marchar.
  7. Se o teu edificio ten algún tipo de control de acendido/apagado da climatización (horario ou por zonas ocupadas/de paso), apágaa nos espazos onde no sexa necesaria.

Sabías que…

flecha derecha Nos edificios de oficinas hai un gran potencial de aforro enerxético, que pode conseguirse sen reducir o confort e sen grandes investimentos económicos. Os xestos máis sinxelos e con custe cero son os que teñen que ver cos nosos hábitos. Pero para corrixilos, é necesaria a concienciación e colaboración activa de todos os traballadores.

flecha derecha Seguindo unhas boas prácticas no uso da climatización, podemos lograr grandes beneficios. Pola contra, a manipulación dos termóstatos con pouco ou ningún criterio por parte dos usuarios pode supoñer avarías e aínda máis gastos.

Iluminación

Sabías que…

flecha derecha Un bo sistema de iluminación é aquel que proporciona suficiente luz no lugar correcto e en función do uso que se dea ao espazo iluminado, de forma que os empregados poidan realizar o seu traballo eficientemente e sen fatiga.

flecha derecha A iluminación pode mellorar o aspecto dun espazo e proporcionar un ambiente de traballo agradable, pero supón ata o 30% do consumo enerxético total da oficina. Para evitar o dispendio, debe ser enerxeticamente eficiente. Substituír lámpadas por outras de tipo LED, as máis recomendables actualmente, pode aforrar ata un 80% mantendo o confort lumínico.

Consellos prácticos sobre a iluminación na oficina

  1. Aproveitar ao máximo a luz natural: mover os obxectos que impidan o paso da luz (armarios, andeis, plantas), colocar as mesas de traballo preto das fiestras, manter as persianas abertas, etc.
  2. Utilizar só as luces realmente necesarias. Un hábito tan sinxelo como apagar unha luz que non use ninguén pode representar un aforro de enerxía de ata un 10%.
  3. Xera hábitos entre os teus compañeiros lembrándolles que non se esquezan de apagar ao marcharen. Os servizos de limpeza, conserxes, persoal de seguridade, etc. desempeñan un papel importante nesta acción.
  4. Utiliza lámpadas de baixo consumo (fluorescentes ou LEDs). Co mesmo nivel lumínico, o seu consumo enerxético é moitísimo menor e a súa vida útil moi longa, o que repercute en menores custes de reposición e mantemento.
  5. Unha oficina con sistemas de control de iluminación permite importantes aforros de enerxía, mediante medidas coma estas:
    • Usar sistemas de xestión integrados. Fan posible programar acendidos e apagados, variar fluxos lumínicos, integrar detectores de presenza e controlar as instalacións do edificio de forma remota e simple desde un smartphone, tableta ou ordenador.
    • Colocar detectores de presenza nas zonas de traballo, paso e acceso.
    • Dar preferencia á iluminación localizada e adaptala ás necesidades de cada posto de traballo.
    • Empregar reguladores electrónicos de intensidade luminosa nas luces preto de fiestras, que só se acenden se non hai luz natural.
    • Reducir a iluminación en corredores e zonas de paso.
  6. A intensidade de luz descende cando se ensucian as lámpadas. Promove a súa limpeza periódica: aforrarás enerxía e mellorarás a calidade da iluminación.
  7. Tamén é posible aforrar na iluminación de emerxencia: as luces tipo LED requiren unha batería de menos capacidade e consumen menos.

Equipamento ofimático

Os equipos eficientes, os sistemas de aforro de enerxía e unha adecuada selección e uso destes equipos, son esenciais para lograr o obxectivo de aforro enerxético.

Consellos prácticos para aforrar enerxía

  1. Utiliza as funcións apagar, suspender e hibernar do ordenador segundo a túa actividade. E apágao sempre ao finalizar o teu horario ou en vacacións.
  2. É mellor adquirir equipos con etiquetado Energy Star. Os ordenadores e monitores con este logotipo consumen entre un 25-60% menos, e as impresoras son un 25% máis eficientes.
  3. Para diminuír o consumo do teu monitor, aconséllase:
    • Apagar a pantalla do monitor en paradas de máis de 10 minutos.
    • Axustar o brillo da pantalla a un nivel medio ou baixo, fixado por defecto en moitos portátiles cando funcionan con batería (aforra ata un 40%).
    • Elixir fondos de pantalla con cores escuras (precisan un 25% menos de enerxía ca unha pantalla branca).
    • Utilizar un salva pantallas negro, sen imaxes nin animación.
  4. Evita o consumo pantasma en modo de espera (stand-by). Se dispós de regretas de enchufes con interruptor incorporado, apágao ao finalizar a xornada laboral. Así cortarás o subministro enerxético a todos os aparatos conectados.
  5. Utiliza a impresora de forma eficiente:
    • Imprime documentos polas 2 caras e en branco e negro, ou usa as funcións de aforro de tinta e o modo borrador.
    • Procura agrupar o envío dos traballos á impresora e axita o cartucho de tóner cando se está esgotando, fará aínda moitas copias.
    • Establece un apagado centralizado de todos os aparatos ofimáticos fóra da xornada laboral, como as impresoras. Se a túa impresora é local, apágaa sempre que non se utilice.
    • Solicita ao responsable de TI que configure o modo aforro de enerxía.

Sabías que…

flecha derecha Nalgúns edificios, o equipamento ofimático (ordenadores, impresoras, fotocopiadoras, faxes, etc.) pode consumir ata o 20% da electricidade. A metade desta cifra corresponde aos ordenadores persoais.

Ascensores

Os ascensores orixinan un considerable gasto enerxético e de avarías ou mantemento. O seu uso racional, tanto por parte do persoal coma dos visitantes, pode supoñer aforros importantes.

Imagen de dos personas saliendo de un ascensor representativa del uso correcto de éste

Consellos prácticos para ascensores

  1. Intenta subir e baixar polas escaleiras, especialmente entre plantas contiguas. É máis económico, ecolóxico e saudable.
  2. Se o edificio ten varios ascensores, preme só un botón de chamada.

Consumos indirectos


No traballo tamén hai outras moitas pequenas accións que poden contribuír ao aforro enerxético e económico desde a orixe: reducir o consumo de papel, plásticos e outros materiais de oficina; reutilizar mobiliario, cables, compoñentes e envases; reciclar nos contedores correspondentes o papel, vidro, tóner, pilas, envases e outros residuos; facer un uso responsable da auga; e en xeral, estender e repetir os bos hábitos que xa incorporamos á nosa vida diaria.